QUE SON?
Os nitratos son compostos químicos inorgánicos derivados do nitróxeno (NO3-) que se atopan de forma natural en pequenas concentracións no solo, nos alimentos e nas augas superficiais e subterráneas.
COMO SE PRODUCE A CONTAMINACIÓN POR NITRATOS NA AUGA?
O aumento da concentración deste composto na auga prodúcese principalmente en zonas de alta produción agrícola debido ao uso masivo de fertilizantes nitroxenados, aplicados historicamente en cantidades maiores das que os cultivos poden absorber.
Tamén cómpre sinalar que as verteduras de augas residuais e os excrementos animais en zonas de gandería intensiva tamén poden constituír unha fonte de nitratos na auga.
CALES SON OS LÍMITES ESTABLECIDOS PARA A PRESENZA DE NITRATOS NA AUGA POTABLE?
A OMS determinou, baseándose en numerosos estudos científicos, que as altas concentracións deste composto na auga potable supoñen un perigo para a saúde humana.
A normativa que establece os criterios de calidade sanitaria da auga de consumo humano en España é o Real Decreto 140/2003, que fixa a concentración máxima permitida de nitratos na auga de consumo humano en 50 mg/l.
COMO SE PODEN EVITAR AS ALTAS CONCENTRACIÓNS DE NITRATOS NA AUGA?
Sempre que sexa posible, as fontes de auga empregadas para o abastecemento son aquelas que cumpren os límites de concentración establecidos pola lexislación vixente. Non obstante, hai zonas onde isto non é posible debido á presenza xeneralizada de altas concentracións de nitratos nas augas subterráneas e/ou superficiais. Nestes casos, realízase un tratamento secundario, permitido pola autoridade sanitaria, para reducir a concentración de nitratos na auga de abastecemento por debaixo de 50 mg/l.
